21.6.16

Brexit or Bremain-that is the question



Fernando del Río 

No ano setenta e cinco do século pasado os británicos celebraron un referendo de permanencia na Unión Europea. Convocado por un goberno laborista en minoría. Houbo ministros laboristas que fixeron campaña pola permanencia e ministros que se decantaron pola saída. O resultado do referendo é coñecido: Bremain (67% contra 33%). Veremos o que acontece no 2016.

Daquela, nos setenta, a oposición ao proceso europeo viña das ringleiras laboristas. O anti-europeismo dos militantes laboristas naquela altura era manifesto. Nunha conferencia do partido celebrado o 26 de abril de 1975 votaron 2/3 contra 1/3, mais ou menos, a favor da saída da Comunidade Económica Europea. De facto, por este motivo, os mais europeístas do laborismo británico abandonaron o partido e fundaron o Partido Social-Demócrata. Non tardaron en fusionarse co histórico Partido Liberal e así naceu o actual Partido Liberal-Demócrata. Moitos laboristas non se deron por vencidos e aínda nas eleccións xerais de 1983 fixeron campaña en prol da saída. Margaret Thatcher impediu o bo suceso dos desexos laboristas. Segundo parece, o mal sabor de boca que deixou no laborismo a derrota electoral ante a Dama de Ferro motivou que o Partido Laborista modificase o seu posicionamento a respecto da integración en Europa.

Por qué se opuña o groso da militancia do Partido Laborista á permanencia na Comunidade Económica Europea? Pois polo de sempre. Polo mesmo que agora a estrema esquerda europea –e a estrema dereita- se opón ao tratado comercial cos Estados Unidos, o Transatlantic Trade and Investment Partnership (TTIP). Por medo ao comercio. Que é tanto como dicir por medo á liberdade. Esgrimían que se ia producir unha forte perda de emprego no Reino Unido, que os alimentos ían encarecer ou que xa non poderían levar a cabo políticas industriais socialistas. Nada diso aconteceu. Afortunadamente, especialmente o último. Mais, que se lle pode pedir a quen afirma “Unha das mais grandes- se non a mais grande- figura do século XX: un mestre de escola que transformou a China, liberouna da guerra civil e dos ataques estranxeiros e construíu alí unha nova sociedade”. Quen fala así sobre Mao Zedong é Tony Benn, ministro laborista e un dos prominentes partidarios do Brexit nos setenta.  Así é polo menos se lle fago caso á Wikipedia. 

United Kingdom European Communities membership referendum, 1975.svg
Resultados porcentuais referendo de 1975
A situación mudou na actualidade. Agora as voces reclamando a saída proveñen das filas conservadoras e dalgúns partidos mais pequenos como o UKIP, un partido libertario. Que foi entón o que mudou? Pois a propia Europa. A mediados dos setenta a Comunidade Económica Europea era fundamentalmente unha zona de libre comercio. A actual Unión Europea ademais diso tamén é, ou pretende ser, unha unión política. Os que hoxe se opoñen á continuidade británica na Unión Europea non son inimigos do libre comercio. Non maioritaria nin significativamente, polo menos. Mais temen o novo xacobinismo europeo. 

E debo confesar que comparto o seu temor. Sospeito do poder centralizado que coarte a capacidade dos estados para decidir as súas propias políticas limitando así a desexábel concorrencia política entre xurisdicións dentro dunha área de libre mobilidade de factores e mercadorías. Acredito en Europa. Mais nunha diferente. Nunha Europa como aqueles Estados Unidos de América decimonónicos cunha carta constitucional dunha ducia de páxinas na que se establece que os Estados membros da Unión non poden poñer trabas á mobilidade de persoas, capital e mercadorías entre eles. E logo cada quen que faga o que lle pete mentres non se salte eses poucos principios básicos e comúns plasmados na Constitución de 1787. 

Tratados europeos con centos de páxinas coa pretensión de seren os fundamentos constitucionais da Unión non son o bo camiño. E eis onde enlaza o atual referendo británico con eventos previos na Unión Europea. O primeiro de todos o non danés ao Tratado de Maastricht xa en 1992, ainda que a opinión foi retificada o ano seguinte por escaso marxe, certamente. Mais, o caso é que Dinamarca non está no Euro. No ano 2000, en referendo, os daneses dixeron que nen de coña. O 1 de xuño de 2005 eran os holandeses os que refrendariamente rexeitaban o Tratado de Maastricht. Tamén os franceses dixeron non. O Tratado de Lisboa xa só se submeteu a referendo en Irlanda no 2008, a súa constitución obriga. Nengún outro país pretendeu refrendalo, non fora o demo. E foi outro non. En todos os casos, exceto posibelmente no francés, a cuestión subxacente é a mesma. A desconfianza de muitos ao centralismo hiper-regulador europeo e o temor á perda de autonomía política para solucionar os seus propios problemas. E ainda que tinxido tudo o debate de cuestións emocionais e primarias. En realidade, a cuestión de fondo, a que importa, e a que hai que resolver politicamente é a apontada.

Por último, vou arriscar unha resposta á pregunta que da título a este artigo. O Reino Unido votará continuar na Unión. As cotizacións das apostas dan un 60% de probabilidade a este evento, fronte a un 40% de probabilidade de saída. E fágalle caso ás apostas e non ás pesquisas de opinión, que cando a xente xoga o seu diñeiro ten moito mais tino. Mais, seguro que erro. Raro sería que acertase.  Acerte ou erre, felicito aos británicos por teren un sistema democrático que non ten medo de consultar a cidadanía neste e noutros asuntos. Cuestión de abolengo, supoño. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario