2.6.16

TTIP: un asunto complicado para Europa


O pasado xoves 26 de maio participamos nunha charla en Vigo sobre o Acordo Transatlántico sobre Comercio e Investimento, máis coñecido polas suas siglas en inglés TTIP, que actualmente negocian a UE e o governo dos EE.UU. O que sigue un resumo das ideas expostas nesa charla.


Que é o TTIP?

É un tratado de libre comercio que se está negociando dende 2013 entre a UE e os EE.UU. Van 13 rondas de negociación. Os seus obxectivos son:
  1. Incrementar o acceso aos mercados das empresas das duas beiras do atlántico mediante a supresión das barreiras ao comercio e o investimento. Por primeira vez inclúense medidas para facilitar o acceso das empresas aos procesos de fornecemento dos sectores públicos de cada parte, é decir que empresas europeas podan optar a contratos públicos nos EE.UU e viceversa.
  2. Reducir os requisitos burocráticos que as empresas teñen que cumplir para poder exportar.
  3. Desenvolver novas regras de comercio nas chamadas áreas de comercio emerxente no SXXI: Ideas, tecnoloxías da información.

Onde obter información

As negociacións do TTIP son as máis transparentes e documentadas da historia. A equipa negociadora reúnese coa comisión europea e o parlamento antes e despois de cada ronda negociadora e o negociador xefe (un español Ignacio García Bercero) escrebe un resumo despois de cada ronda. Ademáis é posibel acceder a documentación que manexan os negociadores sobre aspectos concretos. Todo se pode consultar aquí.


Como é o proceso de negociación?

O mandato para negociar é do Consello da UE (os governos), a Comisión (a comisaria de comercio é a sueca Cecilia Malmström) pode ter a iniciativa sobre calquera tratado comercial mais ten que pedirlle autorización ao Consello. A Comisión Europea negocia e está obrigada a manter informados aos governos (Consello) e ao parlamento. Unha vez alcanzado un acordo de Tratado ten que ser aprobado polo Consello e o Parlamento.


O contexto mundial

A reducción de barreiras comerciais tradicionáis no mundo é importante. Hai 162 países membros da Organización Mundial do Comercio (WTO) o que suxire que pouco a pouco se van reducindo as barreiras comerciais tradicionais. As barreiras comerciais tradicionáis son os aranceis (impostos) que graban as importacións ou exportacións de produtos de ou cara o exterior. As cotas de importación que fixan cantidades máximas de produtos que se poden importar, tamén son unha clásica barreira ao comercio. O obxectivo 1) do TTIP está centrado na supresión desta clase de barreiras comerciais tradicionáis que ainda existen entre EE.UU e UE.
Ainda que existe marxe de mellora para reducir esta clase de barreiras ao comercio entre os EE.UU e UE , nomeadamente na agricultura, protexida en Europa coa infame Política Agraria Común e nos EE.UU pola inxente actividade reguladora do U.S. Department of Agriculture. Existe un gran consenso en que as posibilidades de xerar grandes melloras na eliminación de barreiras comerciais está nas barreiras ao comercio NON tradicionáis. Este é o obxectivo 2) do TTIP.
As barreiras ao comercio non tradicionáis son os chamados custes de red tape ou asociados a regulación e a burocracia. E isto é o novidoso do TTIP.
Por outra banda, a estratexia negociadora multilateral que representa a WTO ten dado mostras de esgotamento tras o fracaso da ronda de Doha. Isto levou a que os países busquen acordos rexionáis para liberalizar o comercio. Algúns dos que están avanzados son:
  • TTP: EE.UU, Australia, Canadá, Chile, Xapón, Malasia, México, Perú, Singapur, Vietnam, Brunei, Nova Zelanda.
  • CETA: Canadá e UE. Asinado en 2014.
  • RCEP: China, Australia, India, Korea do Sur, Nova Zelanda, ASEAN (Brunei, Myanmar, Camboia, Indonesia, Laos, Malasia, Filipinas, Singapur, Tailandia, Vietnam).
  • Alianza do Pacífico: Colombia, Perú, Chile, México.
Estas duas novas características do novo proceso liberalizador do comercio internacional; eliminación de barreiras de tipo regulatorio e acordos rexionáis, confirenlle ao TTIP unha importancia especial. Por unha banda, ao centrarse nas barreiras de tipo regulatorio cambia o estilo dos clásicos tratados de libre comercio que indicaban aos governos que acións non podían facer para converterse nun tratado de referencia que lle indica aos países que deben facer para acceder aos mercados. Por outra banda, a importancia de EE.UU e a UE no comercio internacional mundial convirte ao TTIP no tratado de libre comercio máis importante do mundo. É decir, a armonización regulatoria entre EE.UU e UE que pretende o TTIP pode converterse na referencia de “boa regulación” para o resto do mundo. Precisamente neste aspecto reside o principal risco para o libre comercio e a liberdade económica.


Non globalizar os fallos de regulación

Existen intereses en desvirtuar o TTIP e que se convirta nun tratado que estableza o modelo europeo de regulación dos mercados como unha referencia para todo o planeta. Se isto ocorre o TTIP terá deixado de ser un tratado de libre comercio para se converter nun tratado para globalizar a fallida regulación europea. E iso é pior que non asinar tratado nengún. A este respecto véxase a posición de importantes grupos do parlamento europeo que defenden un si pero non ao TTIP aquí, aquí ou aquí. As liñas vermellas que trazan estes grupos farán do TTIP unha ferramente inútil para incrementar a liberdade económica. Vexamos algúns casos concretos.
Tranxénicos
Apoiandose no chamado “principio de precaución”, os burócratas europeos teñen bloqueado a introdución de novos produtos ou procesos. Tras 30 anos de que a inovación técnica dos tranxénicos chegara aos mercados, a UE so ten autorizados 3 produtos tranxénicos. A evidencia científica é abrumadora a favor dos tranxénicos. Aquí pode seguirse un recente debate sobre os tranxénicos organizado na USC. Cumpre pois abandonar estas regulacións e non prolongalas mediante un tratado.
Denominacións de orixe
As DO son agrupacións de produtores que se coordinan para establecer calidades de produtos, prezos e compartir canles de distribución etc. Son unha das moitas formas coas que se apoia a sector agrario europeo, pero que non consentiríamos en moitos outros sectores económicos. Menos ainda o poden comprender os estadounidenses máis afeitos que nos a libre competencia. De novo o que cumpre é rebaixar as DO e non afortalalas con maiores exixencias. E si en California son capaces de producir queixo estilo Arzúa mellor ou máis barato que o noso, pois...
Democracia e globalización
Un argumento habitualmente empregado contra o TTIP é que reducirá a democracia. A evidencia suxire xustamente o contrario: os países máis globalizados son os máis democráticos do mundo coa excepción de Singapur, un ranking de globalización para países pode consultarse aquí. A medida que os países se fan máis ricos as demandas de liberdade por parte da poboación medran. Os mercados son o principal mecanismo de enriquecemento da poboación e a riqueza acaba forzando a introdución de liberdades políticas. Todos os ditadores pretenden ocultar información aos seus subditos, precisan a censura. A globalización so pode ser positiva para a democratización de todos os países do mundo.
Porén, existe a opinión xeralizada entre os contrarios ao TTIP que a globalización conleva menos democracia e menos liberdades políticas. Argumentase que os governos perderán soberanía en favor das multinacionáis. Van ser as multinacionáis as que fixarán as regras establecidas polo TTIP e como poderán escoller onde desenvolver as suas actividades poderán escoller que país recaudará os impostos que pagan. Os governos cederán sempre as exixencias das multinacionáis, as decisións políticas tomaranse de costas aos electores e para maior lucro do gran capital. A globalización devorará a democracia. Porén, a evidencia histórica contradice tamén esta clase de argumentos. A segunda metade do século XX experimentou un forte proceso de globalización e os governos incrementaron a sua capacidade de recadación. As empresas non fuxiron da Europa do estado do benestar, porque as empresas non toman as suas decisión de localización exclusivamente pensando en aforrar impostos.
Ainda así, na medida que a competencia entre países para atraer os investimentos (e a recadación fiscal asociada) sexa maior, obligará aos governos a reducir gastos superfluos. A disciplina que introduce a competencia será positiva tamén para os governos.
O mecanismo de resolución de conflitos investidor-estado
O problema neste aspecto está en cómo protexer os dereitos de propiedade dos investidores frente a unha actuación arbitraria e/ou discriminatoria dun estado. Na maioría dos tratados en vigor establecese o que se denomina polas siglas en inglés ISDS ( investor-to-state dispute settlement system ). Por exemplo é o mecanismo que emprega o NAFTA. En virtude deste mecanismo un investidor que considere que un estado viola os seus dereitos pode recurrir a un tribunal de arbitraxe para que resolva o conflito. Estos tribunáis soen ser:
  • Centro Internacional de Arbitraje de Diferencias relativas a Inversiones del Grupo del Banco Mundial.
  • Tribunal de Londres de Arbitraje Internacional.
  • Cámara de Comercio Internacional.
  • Centro de arbitraje Internacional de Hong Kong.
O problema é que existe bastante evidencia de que: (i) os governos teñen unha actitude máis favorabel a expropiar ou discriminar a empresas extranxeiras que ás locáis, (ii) a separación de poderes en algúns países é moi deficiente, algúns países da UE teñen peor independencia xudicial que Zimbabwe. O gráfico seguinte presenta a evolución do numero de expropiacións a investidores directos extranxeiros no mundo.






Fonte:"Expropriation of Foreign Direct Investments: Sectoral Patterns from 1993 to 2006," Review of World Economics, 148(1): 119–149, 2012.











Ainda que o nivel de expropiacións a investidores extranxeiros tense reducido considerabelmente, os conflitos máis habituais teñen que ver con ruturas de contratos ou retiradas de licencias. Ademáis, non está claro se foi o establecemento do ISDS o que provocou o descenso no número de expropiacións.
En calquera caso a UE propón reformar o ISDS mediante a creación dunha corte internacional sobre investimentos formada por:
  • 5 xuices da UE.
  • 5 xuices dos EE.UU.
  • 5 xuices de países terceiros.
Propiedade intelectual
As actuais regulacións en Europa e nos EE.UU consolidan o monopolio intelectual provocado pola lexislación da chamada propiedade intelectual. A traslación destas regulacións ao TTIP so pode ser perxudicial para a prosperidade das duas partes e do resto do mundo. A razón é que a PI dificulta ou impide os spillovers internacionáis de coñecemento e a difusión tecnolóxica. Estos mecanismos teñen unha grande importancia no proceso de crecemento dos países. A estos mecanismo refírome máis abaixo.


Por que é boa a globalización?

As veces falase da globalización como se fose un fenómeno novo, e non o é. Nalgúns aspectos o mundo xa estivo máis globalizado hai un século. A principios do s XX millóns de europeos emigraron sen apenas obstáculos legais ao continente americano na procura dunha vida mellor. O gráfico seguinte mostra como o periodo de entre guerras foi unha excepción proteccionista no proceso de aumento do libre comercio. No gráfico se recollen varias estimacións da suma de importacións e exportación mundiais sobre o PIB mundial.








O libre movimento internacional de capital, traballo, tecnoloxías, comercio e información, ademáis de reducir os prezos que pagamos os consumidores terá outros efectos beneficios.
Transferencias internacionáis de coñecemento
O libre comercio globalizador facilita o fluxo de coñecemento útil para inventar ou mellorar produtos: o coñecemento que se adquire nun país pode ser empregado para investigar noutro país. O coñecemento é un ben non rival; o uso que unha persoa ou empresa faga nalgunha aplicación non impide que outros empreguen ese coñecemento simultánemente ou con posterioridade. Hai unha forte evidencia sobre a existencia de “spillovers” internacionales de coñecemento. O intercambio de bens ou o investimento directo extranxeiro están moitas veces conducidos pola transmisión de coñecemento. Cando unha empresa importa bens pode obter ideas sobre novos produtos ou novas técnicas dos seus fornecedores. De igual xeito cando unha empresa exporta pode obter información dos seus clientes mediante a discusión con eles sobre especificacións técnicas e/ou mediante o servizo de postventa que lle ofrecerá. Cando unha multinacional transfire coñecemento sobre produtos, procesos ou métodos de xestión a unha das suas filiais, esa información pode ficar a disposición de otras empresas locais. Cantos foron os “spillovers” de coñecemento entre Citroën e as empresas viguesas dende que se implantou en Vigo?
Tamaño de mercado
A globalización permite aos creadores de novos produtos ter un mercado maior onde obter remuneración a sua capacidade. Unha empresa que desenvolve un novo produto, mellora un, ou encontra unha técnica de produción mellor pode obter lucros no mercado doméstico e tamén nos mercados internacionáis. Neste sentido é certo que tamén enfrenta unha maior competencia. Mentres que o efecto escala tende a aumentar o incentivo a creación a maior competencia tende a reducir este incentivo, que efecto domina depende de cada caso concreto.
Cambios en prezos relativos
O libre comercio altera prezos relativos de diferentes produtos proporcionando incentivos para a inovación nas actividades máis favorecidas polos intercambios.
Difusión tecnolóxica
Outro dos vínculos entre a internacionalización e o crecemento económico reside no proceso de difusión tecnolóxica. A difusión de tecnoloxías, ademáis da creación de novas tecnoloxías, pode ser unha fonte de crecemento en determinados entornos. A integración internacional afectará aos incentivos a investir en actividades con alta difusión.


Os países da UE precisan o impulso da liberdade económica

Moitos países da UE non van ben. Con independencia da crise económica da última década o crecemento económico europeo leva tempo dando síntomas de esgotamento. Vexamos un dos países do “nucleo duro” da UE, a Franza. No seguinte gráfico presentase o cociente entre a renda per cápita francesa e a estadounidense multiplicada por 100, de tal xeito que cada ponto da curva significa a porcentaxe da renda per cápita estadounidense que representa a renda per cápita francesa. Se a curva ten pendente positiva significa que a renda promedio francesa achégase a renda promedio estadounidense.







Fonte: Elaboración propia a partir dos datos das PWT. http://www.rug.nl/research/ggdc/data/pwt/pwt-8.1


O gráfico fala por si so. Dende fináis da segunda guerra mundial e até 1980 o crecemento francés foi espectacular, achegandose ao 80% da renda per cápita estadounidense. Mais en 1980 acabouse ese proceso de achegamento e iniciase un descenso do que ainda non se recuperou.
As cousas non son así noutras partes do mundo. Vexamos os mesmos datos para unha das grandes economías emerxentes, a India.






Fonte: Elaboración propia a partir dos datos das PWT e Banco Mundial. http://www.rug.nl/research/ggdc/data/pwt/pwt-8.1


Neste caso pódese apreciar o proceso de forte crecemento dende os anos oitenta. Os pontos vermellos (escala da dereita) representan a porcentaxe de populazón en condicións de pobreza, entendendo por pobreza vivir con menos de dous dólares ao día (dólares de 2005, a fonte é o Banco Mundial). No ano 1978 case que o 90% dos habitantes da India vivían na pobreza, no ano 2010 esa porcentaxe foi de algo máis do 68%. A India é un país cunha elevada pobreza máis sacar desa situación a máis dun 20% dos habitantes en 32 anos é algo espectacular. O gráfico tamén pon de manifesto que esta tendencia acelerouse dende os anos 90. Aquí un comentario máis polo miudo.
Tampouco as cousas son igual en todos os países da UE. Un país interesante de estudar e que pode dar algunhas claves do que precisa o resto da UE é Suecia.









Suecia ten unha historia algo diferente a da Franza. Tamén podemos apreciar o rápido crecemento da renda per cápita desde 1950, máis detense antes, ao redor de mediados dos anos 60. Até os anos 90 experimenta subidas e baixadas para comezar unha nova senda de crecemento que chega até hoxe. Que fixo que se detivera o proceso de alcance da renda per cápita sueca á de EE.UU? Ven ao caso lembrar que Suecia ten unha historia de compromiso co libre comercio e o laissez-faire moi antigo que se remonta ao século XVIII e que converteu a Suecia nun dos países máis prósperos do mundo. Especialmente durante o periodo 1950-1970 a política comercial sueca foi moi liberal o mesmo que no plano interior. Porén, Suecia ten outra fama. Mais esa fama creouse despois de 1970. Nesa época os socialdemócratas comezan a expansión da asistencia social e a regulación dos mercados. O gasto público como porcentaxe do PIB case se duplicou pasando do 31% en 1960 até o 60% en 1980, co correspondente incremento nos impostos. En 1990 o emprego neto creado en Suecia desde 1950 foi todo público, máis de un millón de empregos. En 1991 Suecia experimenta unha profunda crise económica que incluiu unha severa crise bancaria e de débeda pública. Así que emprenderon o camiño de reformar o que os levara até alí. Nos anos 90 Suecia abordou unha serie de reformas:
  • Baixada de impostos.
  • Desregulación dos mercados: financieiro, eléctrico, telecomunicacións e audiovisual.
  • Reforma do sistema de pensións: sistema mixto con contas persoais.
  • Privatización da sanidade e os coidados de dependencia.
  • Sistema de bono-escolar para incrementar a competencia entre escola privada e pública.
Dende 1995 a Heritage Foundation xunto co Wall Street Journal elaboran un índice de liberdade económica para case todos os países do mundo. Este gráfico presenta estos índices para os EE.UU, Suecia e a Franza. No seguinte gráfico pódese apreciar mellor a evolución relativa destes índices para Suecia e a Franza, nel podemos apreciar o incremento no índice de liberdade económica de Suecia en relación a Franza reflexando o mencionado proceso de reformas levado a cabo durante o anos 90 en Suecia.






Fonte: Elaboración propia a partir dos datos da


Volvendo a renda per cápita. A renda per cápita de Suecia representaba os 65% da renda per cápita dos EE.UU a mediados dos 90. En 2011 achegabase ao 85%.


Conclusión

O TTIP pode converterse nun tratado de libre comercio e impulsar a prosperidade en Europa. Mais para iso o tratado ten que axudar a incrementar a liberdade económica en Europa reducindo e eliminando as regulacións que interfiren nos mercados. Pola contra, se o TTIP se convirte nun tratado que recolle todos os fallos regulatorios europeos pode resultar nun dos maiores atrancos para a prosperidade mundial nos vindeiros decenios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario