2.6.16

Os libertarios poden frustrar a Trump e Clinton



Non so en España é difícil pronosticar que governo se vai formar tras as eleccións. Nos EE.UU tamén estan vivindo unha carreira cara as eleccións presidenciais bastante atípica cun candidato a nominación republicana moi contestado dentro do partido e cunha nominación demócrata moi axustada.
O sistema de elección do presidencial dos EE.UU é por sufraxio indirecto. O presidente e o vicepresidente son escollidos por un Colexio Electoral dos Estados Unidos. Os electores de cada estado escollen unha lista de electores de entre as varias listas designadass polos distintos partidos ou candidatos. Os electores fan unha promesa con antelación para votar polo candidato do seu partido (cuxo nome xeralmente aparece na lista, en troques dos nomes dos electores). O vencedor da elección é o candidato que recibe polo menos 270 votos do Colexio Electoral.
Existe o convencimento de que votar por calquera candidato que non sexa o nominado polos dous grandes partidos é tirar o voto. Porén, as cousas non son exactamente así. Ainda que é inconcevibel que alguen que non sexa o candidato dalgún dos dous grandes partidos obteña a maioría dos votos do Colexio Electoral, si é posibel que ninguén alcance os 270 votos necesarios. Semella que algúns movementos dentro do partido republicano buscando un terceiro candidato intentan conseguir isto. Outra das alternativas posibeis é que o antigo governador de New Mexico polo partido republicano Gary Johnson, recentemente nomeado candidato polo Libertarian Party, entre en escea. Se o candidato libertario gaña no seu estado e algúns outros, podería impedir que algún dos outros candidatos alcance os 270 votos do Colexio Electoral. En 1968 un candidato segregacionista George Wallace gañou en cinco estados e obtivo 46 electores.
Mais que sucede se nengún candidato consigue os 270 votos? A constitución americana establece que nese caso sexa a cámara de representantes a que escolla ao presidente de entre os tres máis representados no Colexio Electoral, mais votando por estados. Isto aconteceu en 1804. Actualmente hai 33 estados con maioría republicana, 14 con maioría demócrata e tres empatados. En xaneiro tamén haberá unha nova cámara de representantes, se os congresistas de suficientes estados republicanos rexeitaran votar a Trump poderían bloquear a sua elección. Simultáneamente, o senado tería que escoller ao vicepresidente de entre os dous máis representados no Colexio Electoral. Se hai distinta maioría no senado e na cámara de representantes isto permite un xogo político con muitas posibilidades. Finalmente se as cámaras non fosen capaces de escoller presidente e vicepresidente o speaker da cámara de representantes sería o novo presidente.

1 comentario:

  1. Pois a ver se os frustran, ainda que só sexa por tocar as pelotas.

    ResponderEliminar