3.7.16

Modern skulls house Stone Age minds


Finalicei o meu último post preguntándome como era posibel que tantas persoas insistan en facer funcionar  as ideas socialistas, apesares de estar moi acreditado o seu fracaso e as terribeis consecuéncias que sobre millóns de persoas ten provocado, especialmente sobre os máis pobres do mundo.

Unha disciplina científica chamada sicoloxía evolutiva fornece dalgunhas respostas a miña pregunta. 

A sicoloxía evolutiva trata de comprender a natureza da mente humana aplicando a lóxica e os métodos da bioloxía evolutiva e a sicoloxía cognitiva. A principal hipótese da sicoloxía evolutiva é que a mente humana é unha potente caixa de ferramentas con funcións especializadas que evolucionou mediante selección natural para resolver problemas específicos aos que se teñen enfrentado os humanos. As diferentes funcións mentáis como a percepción, ou ser capaces de ler as intencións de outras persoas, ou as respostas emocionáis a potenciais parellas, están escritas en diferentes circuitos neurolóxicos que poden ser entendidos como pequenos programas de computadora que se foron seleccionando baixo a presión do medio para resolver problemas específicos de supervivencia e reproducción típicos do periodo denominado pleistoceno. Neste periodo os humanos vivían como cazadores-recolectores e abrangue os 1,6 millóns de anos anteriores a invención da agricultura fai uns 10.000 anos. Daquela, según a sicoloxía evolutiva, os fundamentos da mente humana non mudaron apreciabelmente nos últimos 50.000 anos. O eslogan da sicoloxía evolutiva é que somos "modernos craneos que aloxan mentes da idade de pedra" (Modern skulls house Stone Age minds). 

Para a sicoloxía evolutiva a clave para entender como funciona a mente humana é darse conta de que os nosos circuitos neuronais non foron "diseñados" para resolver os problemas do día a día das persoas que vivimos nas sociedades modernas, se non que foron "diseñados" para resolver os problemas dos nosos antepasados cazadores-recolectores. Daquela, comprender os problemas aos que se enfrentaban as bandas de cazadores-recolectores no pleistoceno pode axudarnos a entender como funciona a mente dos humanos modernos e os problemas das sociedades modernas.

A sicoloxía evolutiva axúdanos a apreciar o difícil que é para as persoas comprender as sociedades complexas basadas no libre mercado. Entender o éxito das sociedades basadas nos mercados e a liberdade precisa cultivar certas tendéncias sicolóxicas que son débiles nesas mentes da idade de pedra que habitan os nosos modernos craneos, mentres que é necesario suprimir outras tendéncias que son fortes. Nas sociedades basadas na liberdade chocamos continuamente coa natureza humana e non é doado tratar coa natureza humana.

A literatura sobre sicoloxía evolutiva ten sinalado algúns feitos que supoñen un desafío para soster unha sociedade baseada nos mercados e a liberdade.

Gostamos das coalicións

As bandas de cazadores-recolectores estaban formadas por grupos de entre 25 e 150 persoas. O pequeno tamaño dos grupos garantiza que todo o mundo coñece a todo o mundo, as interaccións sociais tiñan lugar cara a cara, as reputacións de honestidade, capacidade de traballo ou fiabilidade eran información pública, todo o mundo se coñecía. Incluso hoxe, a pesares de que en facebook podemos ter miles de amigos, é difícil que as axendas dos nosos teléfonos non conteñen máis de 150 nomes. Os experimentos feitos polos sicólogos poñen de manifesto que os seres humanos temos unhas habilidades especializadas en establecer alianzas ou coalicións, que nos encanta clasificar aos demáis entre os nosos e eles. Estas categorías coalicionais levan con facilidade ao conflito e a violencia entre grupos. Os exemplos son interminabeis: Chiitas/Sunnis, Celtistas/Deportivistas, Brancos/Negros, Católicos/Protestantes, Pobres/Ricos etc. Porén, non podemos pensar sobre nos mesmos como membros dunha única gran coalición: a humanidade. A nosa disposición a pensar en termos de "nos" frente a "eles" é irremediabel e isto ten consecuéncias sociais e políticas. O populismo, o racismo ou a retórica radical esquerdista empurra a xente a identificarse como ricos ou pobres, brancos ou negros, homes ou mulleres etc. A sicoloxía evolutiva suxire que é bo evitar institucións e discursos que reforcen as categorias de coalicións e que aviven tensións. Mesmo cando esas institucións se diseñan coa pretensión de relaxar esas tensións como os programas de integración racial, inmersión linguística ou de discriminación positiva por sexo. Grande parte da animosidad contra o libre comercio descansa na distinción entre a coalición dos traballadores na Galiza ou Europa (nos) e os traballadores en Bangalore (eles). Polo contrario, a defensa do libre comercio representa unha forma de axudar a que todos vexamos a desconocidos non familares como socios e non como enemigos.

Somos xerárquicos


A semellanza de moitos animais e todos os primates, os humanos formamos xerarquías de dominación. Existen multitude de xerarquías sociais nos nosos tempos: corporacións, governos, clubes de xadrez, igrexas etc. Todas estas xerarquías teñen estruturas formais de autoridades. Existen tamén estruturas informais como as que se forman nos grupos de adolescentes.

As xerarquías xogaban un papel importante no pleistoceno guiando os esforzos colectivos e distribuindo os escasos recursos sen ter que recurrir a violencia. Os asuntos do día a día levanse dun xeito máis doado se todo o mundo coñece o que se espera de el. Porén, os postos altos da xerarquía son poucos e isto supoñía unha fonte de conflito e competéncia. Aqueles que tiñan os postos de maior status na xerarquía social tiñan mellor acceso aos recursos materiais e maiores oportunidades sexuais. Logo a evoulución favoreceu a sicoloxia dos humáns que tiñan un maior éxito na competencia polas posicións de dominio.

Vivir na base da escala de dominación non é un gran plan, e non estamos construidos para soportalo. Existe moita evidencia de que os machos de baixo status forman coalicións para retar o poder dos machos dominantes e alcanzar distribucións de recursos máis igualitarias.

Non hai forma de parar este comportamento en busca da dominación. O que podemos facer é canalizar ese comportamento da forma menos dañina posibel. Nunha sociedade libre é necesario que as posicións de dominación e status estén ampliamente disponibeis en multitude de xerarquías e que as oportunidades de obter maior status e dominación mediante a predación sexa limitada mediante a vixiancia constante da xente que non deixará de formar coalicións para retar aos dominantes. Dito de outra forma unha sociedade civil forte permite a case todo o mundo ser líder de algo, desde unha asociación cultural de barrio, un clube de fans da guerra das galaxias ou un alcalde. A xente ten que satisfacer o gusto humano polo status xerárquico.

Somos envexosos pensadores de suma cero


Unha das máis depresivas leccións da sicoloxía evolutiva é que pon de manifesto a forte capacidade humana para a envexa e a nosa dificultade para comprender a idea das ganancias do comercio e dos incrementos na produtividade. A idea de que o pastel da riqueza poda medrar de forma sostida resulta pouco natural.

Existe evidencia de que maiores capacidades e iniciativa podería levar a maior status e maior parte dos recursos para un individuo das sociedades de cazadores-recolectores. Mais debido a natureza social da caza e a recolección, a que os alimentos se botaban a perder con rapidez e a falta de privacidade, facían que os lucros do éxito individual na caza-recolección fosen difíciles de internalizar polo individuo e todos esperaban o reparto de todo. O mundo dos cazadores-recolectores era un mundo de "suma cero", onde os incrementos da riqueza total mediante a invención, investimento e a expansión dos intercambios económicos eran totalmente desconocidos. Máis para ti significaba menos para min. Polo tanto, se alguen consigue máis que outro isto ten que ser proba evidente de que actuou de algunha forma reprobabel: mediante a extorsión, o roubo, pola forza bruta, no mellor dos caso pola sorte. A envexa da riqueza desproporcionada pudo ter axudado a reforzar a adaptación das regras de reparto e axudar así aqueles de menor status na xerarquía de dominación a defenderse frente a predación de aqueles capaces de acumular poder.

A nosa mentalidade de "suma cero" fai difícil que comprendamos como o comercio e o investimento pode incrementar a cantidade total da riqueza. A nosa mente está mal equipada para comprender o sistema económico de mercado.

Esas características que a sicoloxía evolutiva ten posto de manifesto, é decir que somos pensadores de "suma cero", coalicionais, xerárquicos e envexosos fai que o capitalismo liberal sexa algo pouco comprendido e o colectivismo sexa unha tendencia persistente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario