17.2.17

Análise comparada do sistema de saúde español: Introducción


Reproducimos en oito entregas un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.



O correcto funcionamento do sistema de saúde dun país é un dos factores que mais repercute no benestar dos seus cidadáns. Razón abondo para ocupar sempre un dos primeiros postos na axenda e no debate políticos. Ademais, temos que ser conscientes da importancia do gasto sanitario nos orzamentos públicos e percibir que, debido ás tendencias demográficas e as mudanzas nos hábitos e preferencias dos individuos, o aumento previsto do mesmo é fortísimo.

Garantir a solvencia e mellorar a calidade do sistema de saúde, sen aumentar a presión fiscal, require aumentar a súa eficiencia, o cal necesariamente esixe a súa reorganización. Nun contexto como o actual, no que a solvencia das arcas públicas está a ser cuestionada polos mercados, unha intensa reforma do sistema de saúde podería contribuír a que a débeda pública española recuperase parte da súa credibilidade. Por iso, xunto coa reforma das pensións, a reforma do sistema de saúde é unha das grandes materias pendentes da sociedade española.

No deseño dun sistema de saúde convén fiar fino xa que o mercado podería non realizar eficientemente o seu papel debido a existencia de problemas informacionais na dimensión aseguradora. Para entender isto é necesario un pouco de teoría. A segunda sección deste artigo céntrase nalgúns argumentos teóricos que sustentan a intervención pública. Como veremos, os potenciais problemas non implican necesariamente unha intervención directa do sector público nin no fornecemento de servizos nin na provisión do seguro. Un mercado correctamente regulado pode realizar convenientemente estas funcións.

Os diferentes sistemas de saúde existentes difiren substancialmente no xeito en que conxugan a intervención pública e a privada. Europa non é monocromática. Dista moito de ser así e convén deixalo claro. Por iso, na sección 3 categorizamos os diferentes sistemas de saúde en función da presenza pública e privada nos mesmos.

A análise comparada do sistema de saúde español non resulta prometedora. Tal vez exista a crenza de que gozamos duns excelentes servizos sanitarios. Mais a evidencia empírica dispoñíbel indica que isto probabelmente non é así. Polo menos en comparación coa nosa veciñanza. Existe moita marxe de mellora tanto en calidade como en eficiencia. Na sección 4 deste artigo repasamos esta evidencia empírica.

É precisa unha profunda reforma. Afortunadamente, contamos con excelentes referencias nos países da nosa contorna para emprendela con perspectivas de bo suceso. Podemos aprender do que outros fan ben. Por iso, a sección 5 repasa dous sistemas de saúde que destacan polo seu bo desempeño, o danés e o holandés, e que exhiben trazos moi diferentes, cando non antagónicos. A intención é descifrar as chaves do seu bo suceso.

Así, na sección 6, a modo de conclusión, extraemos algunhas leccións que poden ser de utilidade para confrontar con esperanza de bo suceso a reforma do sistema de saúde español.

No hay comentarios:

Publicar un comentario