19.2.17

Análise comparada do sistema de saúde español: Seguros sociais, algo de teoría


Esta é a segunda dunha serie de oito entregas nas que dividimos un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.



Información asimétrica

O argumento tradicional a favor da intervención pública no mercado de seguros de saúde –e tamén noutros seguros sociais como o de desemprego e o de vellez- ten que ver cun problema de información asimétrica inherente a moitos mercados de seguros. En particular, o inconveniente radica en que os individuos coñecen a súa tendencia a caer doentes, mais non as aseguradoras. Esta diferenza informacional sobre un aspecto relevante para a transacción entre as dúas partes implicadas pode dar lugar a un mal funcionamento dos mercados. Por iso a intervención estatal ten sido invocada con tanta frecuencia. Os problemas de información asimétrica son unha das causas xa clásicas de potenciais fallos no funcionamento dos mercados concorrenciais. Para unha revisión das consecuencias da presenza de información asimétrica nos mercados pódese ver o didáctico artigo de Miguel Pérez- Nievas publicado polo European Liberal Forum coa colaboración da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia e o Movimento Liberal Social de Portugal no ano 2013 e que pode ser encontrado en www.liberalforum.eu/en/publications.html.

A presenza de información asimétrica pode mesmo dar lugar á desaparición dun mercado. Se as aseguradoras non coñecen a tendencia de caer doente de cada individuo –aínda que esta si é coñecida polo individuo- entón as aseguradoras fixarán un premio do seguro nunha cantidade tal que as compense polo risco medio de enfermar da poboación total. Con este premio, os que teñen moito risco de enfermar (superior á media) encontrarán beneficioso subscribir o seguro, mais os que teñen pouco risco de enfermar (inferior á media) preferirán non subscribilo. Prodúcese entón unha selección adversa, só se asegurarán os individuos con elevado risco de enfermar. Mais se isto for así, o risco medio da poboación asegurada aumentará, o que levará as aseguradoras a subir o premio do seguro. Ao elevarse o premio haberá un grupo de individuos –os de menor risco entre os que resten- que abandonarán o sistema de seguro. Aumentará entón de novo o risco medio. E de novo as aseguradoras deberán incrementar o premio. De novo os de menor risco abandonarán. Entrariamos así nunha espiral de inflación de premios e abandonos ata que eventualmente ninguén ache beneficioso asegurarse. Consecuentemente, o mercado de seguros non existirá.

Inconsistencia temporal

Ademais do problema de selección adversa descrito, existe tamén un problema de inconsistencia temporal das políticas públicas ancorado nun profundo dilema ético que pode trabar o funcionamento eficiente dos mercados de seguros de saúde, desemprego ou vellez. Para ilustrar este dilema ético permítaseme unha pregunta: podería a sociedade deixar morrer a unha persoa que sufra unha grave doenza se non ten seguro médico, aínda que tivese podido pagalo e tal carencia fose produto dunha decisión libre e voluntaria? Responder afirmativamente esta pregunta xera un certo rexeitamento ético. E este repudio produce un problema de inconsistencia temporal na actuación pública. Se o estado anuncia que non acudirá ao rescate daqueles que libre e voluntariamente carezan de seguro médico, os individuos poden anticipar que o estado non cumprirá o seu anuncio, pois chegado o momento no que padezan problemas de saúde, a sociedade con remorsos de conciencia esixirá aos seus gobernantes que acudan en auxilio dos desamparados. Consecuentemente, o anuncio do goberno non será críbel. Anticipando o rescate os individuos non se han asegurar e o mercado de seguros non existirá.

Seguro de saúde obrigatorio: a solución ao posíbel fallo do mercado

Estes argumentos sustentan a intervención estatal no mercado de seguros de saúde. Porén, non implican que o estado actúe como asegurador nin moito menos que forneza directamente dos servizos asegurados, tal como acontece hoxe en España. O problema pódese solucionar simplemente instaurando a obrigatoriedade de asegurarse e establecendo as regulacións que se consideren oportunas con fins redistributivos e para proporcionar as garantías necesarias aos usuarios.

Mais, o papel asegurador e o fornecemento de servizos de saúde poden desenvolvelo empresas privadas, non necesariamente o Estado. Como exemplo sirva o seguro do automóbil. O Estado obriga a todos os propietarios de automóbiles a subscribir un seguro de accidentes. Porén, estes escollen entre un amplo abano de aseguradoras privadas actuando nun mercado concorrencial. Os servizos de reparación do automóbil tampouco son fornecidos polo Estado, nin mesmo polas aseguradoras, mais por talleres independentes. Como ben ilustra o exemplo, a existencia dun seguro social –e en particular dun seguro social de saúde- non implica necesariamente a existencia dun seguro público nin a existencia de servizos sanitarios de titularidade pública.

É posíbel implementar un sistema de saúde cunha ampla participación do sector privado na súa provisión. Como veremos mais adiante, existen na nosa contorna exemplos ben sucedidos de países que teñen optado por modelos nos que tanto a labor aseguradora como o fornecemento de servizos sanitarios son realizadas fundamentalmente polo sector privado.

Debe sinalarse que en grande medida as novas tecnoloxías crecentemente permiten solucionar o problema de selección adversa xa descrito. Agora as aseguradoras con check-ups médicos usando técnicas avanzadas e revisando o historial médico familiar poden en grande medida avaliar o risco de enfermar dun individuo e fixar a prima en consonancia ao mesmo. O estado non debería impedir esta discriminación de prezos nin a avaliación de riscos polas aseguradoras. O que debería facer se procura equidade é subsidiar o premio daqueles que teñen un elevado risco de padecer doenzas graves.

Equidade

Aínda que os problemas de selección adversa e inconsistencia temporal se solucionen coa obriga de asegurarse, persisten algúns problemas. Por un lado, están os doentes crónicos aos que ningunha aseguradora quererá asegurar pois eles non teñen risco de caer doentes, xa están doentes. Por outro lado, a factura do seguro pode resultar moi onerosa para os mais pobres que encontrarían beneficioso non asegurarse. Estes problemas poderían solucionarse subsidiando aos mais pobres e aos doente crónicos e regulando o mercado asegurador para impedir que as aseguradoras se desprendan dos doentes crónicos.




No hay comentarios:

Publicar un comentario