22.2.17

Análise comparada do sistema de saúde español: dous tipos de sistema de saúde.

Esta é a terceira dunha serie de oito entregas nas que dividimos un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.



Os sistemas de saúde pode ser clasificados en dúas grandes categorías en función de como se organice a participación pública e privada. Podemos falar, cinxíndonos a estas coordenadas, de sistemas bismarckianos e sistemas beveredgianos. O calificativo bismarckiano procede do canciller prusiano Otto Von Bismarck e o adxectivo beveredgiano do economista de Oxford William Beveridge, representante do Partido Liberal na Cámara dos Comúns -e logo na dos Lores- e que nos anos corenta do século pasado elaborou os dous famosos informes que levan o seu nome e que inspiraron a organización posterior do Estado do Benestar británico.

Sistemas de saúde bismarckianos: sistemas baseados en seguros sociais nos que existen moitas aseguradoras que son organizativamente independentes dos fornecedores de servizos de saúde. Países como Holanda, Suíza ou Bélxica contan con sistemas de saúde bismarckianos.

Sistemas de saúde beveredgianos: sistemas nos que tanto o financiamento como o fornecemento dos servizos de saúde son levados a cabo nun sistema organizativo público. Países como España, Gran Bretaña, Italia ou os países nórdicos contan con sistemas de saúde beveredgianos.

Non existe moita evidencia de que tipo de sistema funciona mellor. Agora ben, o último informe Euro Health Consumer Index (EHCI) 2012 realiza a seguinte observación: 

“Ollando nos resultados do EHCI 2006-2009, é difícil pasar por alto que o cume consiste de países con sistemas bismarckianos, cos sistemas beveredgianos dos países nórdicos de pouco poboación, e por tanto mais doadamente xestionados, meténdose polo medio. Os sistemas beveredgianos grandes parecen ter dificultades en atinxir niveis realmente excelentes de valor para o consumidor. Os mais grandes sistemas beveredgianos, Reino Unido e Italia, sitúanse xuntos no medio do Índice.”

 O Euro Health Consumer Index é actualmente o índice mais usado para realizar comparacións entre os sistemas de saúde europeos. Comezouse a elaborar no ano 2005 pola consultora sueca Health Consumer Powerhouse. Mais adiante comentaranse un pouco mais polo miúdo os seus resultados. O informe para o 2012 e anos previos pode encontrarse en www.healthpowerhouse.com.

O informe EHCI 2012 aventura dúas posíbeis explicacións do fracaso relativo dos grandes sistemas de saúde beveredgianos: 

 1. Unha posibilidade ten a ver coa dificultade intrínseca de xestionar xigantescas corporacións -que contan a miúdo con mais de 100.000 empregados- sen recorrer a unha xestión super-profesionalizada e altamente custosa. 

2. A outra posibilidade é que na xestión destas enormes corporacións públicas primen os intereses corporativos sobre os dos usuarios.


No hay comentarios:

Publicar un comentario