26.2.17

Análise comparada do sistema de saúde español: calidade e eficiencia do sistema de saúde español I

Esta é a cuarta dunha serie de oito entregas nas que dividimos un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.




A percepción cidadá

Atendendo á percepción que os españois teñen do seu sistema de saúde, a situación do sistema de saúde español ten boa pinta. Nunha sondaxe realizada no ano 2004 por investigadores do Stockholm Network en varios países europeos, os españois mostráronse moi satisfeitos cos seus servizos sanitarios, á par dos holandeses (6.7 de valoración sobre 10). Os resultados desta sondaxe están publicados no informe “Impatient for Change: European Attitudes for Healthcare Reform” e pode ser encontrado en www.stockholm-network.org. Só os franceses –con 6.9- amosan un índice de satisfacción maior.

Consecuentemente, os españois entrevistados non consideraban no ano 2004 unha tarefa perentoria a reforma do sistema de saúde pública. Só o 46% dos españois entrevistados -a menor porcentaxe de todos os países- responderon que o seu sistema de saúde precisaba dunha reforma urxente mentres que a media para todos os países da mostra do informe do Stockholm Network foi do 61%.

Tal grao de satisfacción tal vez explique a pereza gobernamental para emprender o camiño das reformas xa que a iniciativa política nunha sociedade democrática obedece, polo menos parcialmente, aos desexos da cidadanía.

A calidade medida

É comprensíbel que holandeses, e mesmo franceses, estean satisfeitos cos seus sistemas de saúde. Porén, non o é tanto no caso español. No informe EHCI 2012 Holanda recibe a mellor puntuación, 872 puntos, e Francia ocupa a oitava praza con 766 puntos. A segunda posición ocúpaa Dinamarca con 822 puntos.

Porén, España con 603 puntos está no posto vinte e catro dun total de trinta e catro países. Portugal está xusto detrás nosa con 589 puntos. Esta é a lista de países que están detrás nosa na clasificación: Portugal, Lituania, Polonia, Hungría, Albania, Macedonia, Letonia, Romanía, Bulgaria e Serbia. Por diante están países como Malta, Grecia, Estonia, Croacia ou Eslovaquia. O índice sitúanos mais preto do pechacancelas, Serbia con 451 puntos, que de Holanda.

A máxima puntuación posíbel é 1000 e a mínima 333. O EHCI 2012 puntúa 42 variábeis indicativas da calidade dos sistemas de saúde agrupadas en cinco sub-disciplinas: (i)información e dereitos dos pacientes, (ii) accesibilidade (tempos de espera para os tratamentos), (iii) resultados, (iv) prevención e rango e alcance dos servizos fornecidos e (v) farmacia.

Non se observan melloras

E o peor de todo é que non se albiscan indicios de mellora. No informe do 2009 o sistema de saúde español ocupaba o posto 22 de 33 con 630 puntos. E no informe do 2008 o posto 18 de 31 con 639 puntos. A puntuación non é directamente comparábel dun ano a outro debido a diferenzas na elaboración do índice, mais non deixa de ser significativo que a puntuación española non deixe de decrecer.

A consultora que elabora o informe acompáñao dunha nota de prensa para cada país.As notas de prensa acompañando a cada informe encóntranse tamén na páxina web da consultora www.healthpowerhouse.com. A nota de prensa española de 15 maio de 2012 leva por ilustrativo título “La sanidad española sigue en declive”. O título da nota de prensa do 2009 era: “España baja posiciones en el último estudio europeo sobre sistemas de salud, siendo excluida de la lista de los 20 primeros”. O estancamento da calidade da sanidade española é especialmente grave cando se toma en consideración que se observa un aumento da calidade media da sanidade europea. Porén, España parece estar a ficar atrasada.

Algunhas eivas que apontan os informes

As notas de prensa sinalan explicitamente as principais tachas da sanidade española.

1. No 2008 insistía no problema das listas de espera e salientaba que moitos españois teñen que recorrer ao sector privado para obter un bo servizo.

2. No 2009 non se dubida en cualificar o sistema sanitario español de mediocre e insístese na escasa información da que gozan os pacientes españois así como na deficiente protección dos seus dereitos.

3. Tamén, no informe do 2009, se apela a unha maior capacidade dos utentes españois para poder escoller médicos e hospitais.

4. No 2012 afírmase que a crise económica é algo bastante recente e que non pode explicar o continuo deterioro da sanidade española.

5, Ademais, no 2012 tamén se alerta dos problemas de accesibilidade do sistema (listas de espera) non son debidos principalmente á falta de recursos mais a unha cuestión de actitudes e de organización. Non é por casualidade que outros sistemas beveredgianos como Suecia e Noruega, aínda que abundantes en recursos, tamén estean entre os que presentan maiores problemas de acceso de toda Europa. No apartado de accesibilidade somos os penúltimos con 100 puntos, á par de Suecia. O pechacancelas é Noruega con 83 puntos. Os líderes son Bélxica, é Suíza con 233 puntos. Tanto España como Suecia e Noruega son sistemas beveredginaos mentres que Bélxica e Suíza son sistemas de carácter bismarckiano.

6. No 2012 tamén se cuestiona a sustentabilidade e a rexionalización do sistema español de saúde

7. Tamén no 2012 se afirma que a pesares de ser un sistema con financiamento público a desigualdade está aumentando.


No hay comentarios:

Publicar un comentario