12.3.17

Análise comparada da sanidade española: conclusións

Esta é a última dunha serie de oito entregas nas que dividimos un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.




Non hai que temer as reformas. Dinamarca a mediados dos noventa ou Holanda a mediados deste mesmo século atrevéronse a reformar. E o atrevemento deu os seusfroitos. Ollando para o que eles fixeron podemos extraer algunhas leccións que podería ser de utilidade ter ben presentes á hora de deseñar unha reforma do sistema de saúde español.

A primeira delas é que en temas de saúde compre distinguir claramente dous mercados: o de seguros e o de servizos de saúde. É no primeiro onde a regulación estatal é mais precisa – en particular a esixencia de subscribir un seguro de saúde- debido á existencia de fallos de mercado, en concreto problemas de información asimétrica e de inconsistencia temporal. E no que compre un maior esforzo redistributivo en prol dos menos saudábeis e das persoas de mais baixa renda. Porén, non existe ningunha boa razón para que a maior parte dos servizos de saúde non sexan fornecidos nunha situación concorrencial por empresas privadas na procura -ou non- de lucros. O cal, evidentemente, non é óbice para unha correcta regulación do sector.

A segunda delas é que a descentralización do sistema de saúde público e a penetración da iniciativa privada no sistema de saúde tanto no fornecemento de servizos como na labor aseguradora inflúen positivamente na calidade debido a que ambas estratexias favorecen a concorrencia. A descentralización fomenta a concorrencia entre as diferentes xurisdicións e permite adaptar os servizos ás necesidades dos cidadáns, mentres que as empresas privadas concorren entre si por ofertar os mellores prezos e servizos ao tempo que incentivan os fornecedores públicos a non ficar atrás. A estratexia descentralizadora debería ser implementada dentro de cada autonomía, implicando tamén a administración local. Para que for viábel sería precisa unha profunda reorganización da administración local que acarretase unha drástica redución do número de concellos.

A terceira, e última lección que podemos extraer, é que é preciso fomentar a libre elección dos usuarios, garantir os seus dereitos e transmitirlle toda a información precisa para que tomen decisións coidadosas. Facendo así fomentamos que os consumidores podan esixir responsabilidades aos oferentes, tanto de seguros como de servizos, e podemos conseguir que os mecanismos disciplinadores da concorrencia realicen a súa labor premiando a aqueles que mellor fagan o seu traballo fronte aos que exhiban un peor desempeño.

En definitiva, introducir o sector privado -tanto no fornecemento de servizos de saúde como na labor aseguradora- nun contexto de usuarios ben informados, con dereitos ben protexidos e libres para escoller é o mellor xeito de retirar as decisións operativas do sistema de atención á saúde da man de políticos e burócratas –frecuentemente mal informados e con interese espurios- e facer que estas recaian en profesionais médicos coa participación dos pacientes que exixen unha caliade adecuada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario