5.3.17

Análise comparada do sistema de saúde español: outras experiencias, un sistema beveredgiano, Dinamarca

Esta é a sexta dunha serie de oito entregas nas que dividimos un artigo de Fernando del Río de hai catro anos sobre o sistema de saúde español. Ainda que algúns dados están un pouco anticuados, a realidade sintetizada nos dados non mudou e consideramos que o que se expón no artigo segue a ser de plena vixencia.







Curiosamente, as dúas primeiras prazas no índice de saúde no 2012 están ocupadas por países -Holanda e Dinamarca, por este orden- con sistemas de saúde bastante diferentes. O sistema holandés de marcado carácter bismarckiano e o dinamarqués de carácter beveredgiano. Porén, o gasto per cápita en saúde no ano 2012 nos dous países foi moi semellante, arredor do 4.100 $ PPP per cápita no caso danés e 4.400 en Holanda. 

Nos últimos informes de 2015 e 2016 os dous primeiros postos do IECH están ocupados por Holanda e Suiza, dous países con sistemas bismarckianos.  A consolidación da comparativa vai, por tanto, decantando a excelencia en prol dos sistemas bismarckianos frente aos beveredgianos. 

Porén, é útil analizar como funciona un bon sistema beveredgiano para asi termos unha mellor idea de como reformar o sistema español si desexamos que conserve o seu carácter beveredgiano. Outra opción, a  mellor ao meu xuízo, sería un reforma radical do sistema español para convertelo nun sistema bismarckiano. Na próxima entrega analizaremos o sistema bismarckiano holandés.


Un sistema beveredgiano: Dinamarca

En Dinamarca existe un seguro público de saúde e muitos dos servizos sanitarios son tamén fornecidos directamente polo sector público. Para entendérmonos, unha organización similar (non idéntica, como veremos) á española.

Descentralización

A característica mais relevante do sistema público danés é a súa descentralización. Son as municipalidades e as rexións principalmente as encargadas de financiar e xestionar os servizos de saúde.

A drástica reforma do 2007 reduciu o numero de rexións de 14 a 5 e de municipalidades de 270 a 98. Compárese coa Galiza, na que hai 313 concellos para menos de tres millóns de habitantes, mentres que Dinamarca conta con mais de cinco millóns.

O goberno central realiza fundamentalmente as funcións de regular, coordinar e asesorar.

Esta descentralización é unha característica nórdica que tamén se da noutros servizos públicos como a educación e que parece influír positivamente na súa calidade. É merecido lembrar os bos resultados destes países nos tests educativos internacionais.

Sistema público, mais con concorrencia e participación privada

O facto de que o sistema danés de saúde sexa fundamentalmente público non significa que necesariamente os servizos de saúde sexan fornecidos polo sector público.

Así, a atención primaria e os servizos de moitos especialistas son fornecidos por médicos auto-empregados que son retribuídos conforme a un sistema combinado de pagos por paciente (capitation) e por servizos prestados.

Os hospitais son maioritariamente públicos ( só arredor dun 1% das camas están en hospitais privados), responsabilidade das rexións e os seus empregados asalariados públicos.

Desde 1993 existe libre elección de hospital –estendida no 2002- en todo o país e a administración elabora e pon a disposición pública indicadores de calidade sobre o desempeño clínico dos hospitais, do que depende o seu financiamento.

O co-pagamento é moi importante no financiamento dos fármacos, o quen ten actuado como factor de contención do gasto farmacéutico. Non existe co-pagamento nin na atención primaria, nin nos especialistas (si existe para dentistas, fisioterapeutas e quiroprácticos) nin nos gastos de hospitalización.

No informe “The empowerment of the European Patient 2009” elaborado por HCP sintetízase a situación do co-pagamento en 33 sistemas de saúde europeos.

Concorrencia

É de salientar que este tipo de organización introduce importantes forzas concorrenciais no sistema de saúde do pequeno país nórdico.

1. Por un lado, o facto de os médicos de primaria e especialistas seren auto-empregados –non asalariados públicos- implica que estes concorren na calidade de atención aos pacientes.

2. Por outro lado, a libre elección de hospital xunto coa descentralización e o financiamento condicional nun contexto de pacientes ben informados e protexidos forza a concorrencia entre hospitais e xurisdicións.

A importancia dos seguros privados

Alén do seguro público obrigatorio unha importante porcentaxe da poboación –mais do 30%- ten seguros de saúde privados. De facto, estes seguros privados son hoxe en día xa ofrecidos no mesmo contrato de traballo e algunhas veces negociados a nivel da empresa ou dun sector produtivo.

O auxe dos seguros privados ten moito que ver co descontente da poboación en relación aos elevados tempos de espera para os tratamentos -mal común á maioría dos sistemas bismarckianos, como xa temos sinalado- e co desexo de evitar co-pagamentos nalgúns servizos especializados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada