26.1.18

O apocalipse de esterco que nunca chegou

Porta do Sol de Vigo ao redor de 1900.
Esta é outra lectura para os estudantes de Microeconomía II da USC que comparto aquí. Trátase dun artigo de xornal de Lee E. Ohanian e Ted Temzelides que puxen nunha lingua máis cómoda para os estudantes e que permite motivar o tema sobre regulación.

En 50 anos, todas as rúas de Londres estarán enterradas baixo 9 pés de esterco.
Con esta predición de 1894, o London Times advertia que a principal fonte de enerxía de transporte da época, o cabalo, pronto crearía unha crise ambiental.

Na cidade de Nova York, uns 100.000 cabalos empregados para transportar persoas ou mercadorías producían aproximadamente 2.5 millóns de libras de esterco por día. Os veciños estaban expostos non só ao cheiro senón a riscos biolóxicos como o ántrax. Un comentarista da época estimou en 1908 que perto de 20.000 neoyorquinos morrian cada ano debido a enfermidades relacionadas cos residuos dos cabalos. A terribel situación foi debatida en 1898 na primeira conferencia internacional de planificación urbana que tivo lugar en Nova York, pero non se atopou ningunha solución. Parecía que a civilización urbana estaba condenada.

Porén o apocalipse de esterco previsto polos medios e os expertos nunca chegou. Pola contra, o libre mercado resolveu o problema en aproximadamente 25 anos, mentres creaba novos produtos e industrias que transformaban a sociedade.

A enorme demanda dunha fonte de enerxía máis limpa e máis eficiente levou a innovacións importantes no motor de combustión interna. Nas grandes cidades de 1920 os cabalos xa foran case que completamente substituídos por autos e camións con prezos asequibeis.

Esta revolución non foi impulsada polos gobernos. De feito, esta transición tería levado máis tempo se os estados seguisen a política actual de subvencionar fontes de enerxía específicas.

Desde a década de 1970, os políticos colocaron artificialmente inxentes cantidades de recursos en enerxías renovabeis. Hoxe a industria solar emprega a perto de 400.000 traballadores nos EE.UU. O que sería impresionante de no ser porque a enerxía solar só representa un 1% da produción eléctrica dos EE.UU.

Supoña que os gobernos da época de 1890, desesperados por substituír ao cabalo, decidiran apoiar con cuantiosas subvencións á tecnoloxía alternativa disponibel na época: a máquina de vapor. As enormes subvencións terían conseguido producir máis motores a vapor e máis investigacións sobre a tecnoloxía de vapor. Isto tería retrasado ou evitado o desenvolvemento do motor de combustión interna, unha tecnoloxía moi superior.

A lección é que os gobernos non están en condicións de prever avances tecnolóxicos e os seus intentos de o facer poden levar a retrasar as innovacións ao incentivar a adopción de tecnoloxías inferiores.

Os coches diésel son outro exemplo. Os estados europeos estiveron subvencionándoos durante décadas, pero os motores diésel xeran moitos máis gases nocivos e partículas que os de gasolina. Agora, a Gran Bretaña e Alemania están a reverter as súas políticas e tentan eliminar o gasóleo.

Outo exemplo, o intento de impulsar as enerxías renovabeis nos países pobres. Uns 1.300 millóns de persoas, moitos no África subsahariana, carecen de electricidade, o que fai que sexa moi difícil depurar auga ou conservar alimentos e medicamentos. Os subsidios mundiais para enerxías renovabeis totalizan máis de 100 mil millóns de $ ao ano, segundo a Axencia Internacional da Enerxía. Pero os científicos aínda non resolveron o seu principal problema: o pico de demanda de electricidade é cedo pola mañá e pola noite, cando o sol non brilla e o vento non sopra.

Case medio século de subvencións non deron lugar a unha nova revolución enerxética. A gran crise do esterco de 1894 suxire unha forma moito mellor de avanzar en enerxías limpas, asequibeis e seguras: a libre competencia nun terreo de xogo equitativo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario