30.1.18

O mellor regulador é o que non existe.

Na década de 1990 iníciase en moitos países do mundo unha mudanza nas políticas regulatorias na industria das telecomunicacións. As mudanzas tecnolóxicas que estaban acontecendo tamén provocaron unha mudanza na visión tradicional destes mercados como monopolios naturais. Inspirados nos cambios desregulatorios iniciados nos EE.UU, algúns responsabeis políticos de Europa e América iniciaron cambios que introducían competencia neste sector. Entre todos estes países destaca Dinamarca. Un recente traballo de investigación do Mercatus Center da University of George Mason trata en detalle o caso de Dinamarca.

Dinamarca liberalizou este mercado até o ponto de eliminar completamente a axencia pública que establecía as regulacións do sector, a axencia equivalente a FCC americana ou a CNMC española, repartindo menores funcións reguladoras entre varios departamentos da administración. 

Foi un grande éxito. Hoxe en día, os dinamarqueses gozan da banda ancha de maior calidade do mundo coa maior penetración destas tecnoloxías na sociedade e a prezos baixos. Ademais, a intervención do goberno é mínima co que desapareceu unha fonte de busqueda de rendas clásica, a chamada captura do regulador, permitindo racionalizar os recursos públicos dirixindoos a resolver problemas reais como crear unha burocracia dixital eficaz e pequena.

En 1994 as autoridades dinamarquesas iniciaron un camiño claro cara unha política de telecomunicacións simple. O seu plan baseábase máis en facilitar as interaccións coa administración pública que en apresurarse a regular.

Os responsables políticos manifestaron claramente a súa oposición ao establecemento dunha regulación inflada e pesada que crease barreiras a entrada. O proveedor de telecomunicacións estatal do país, Tele Danmark (TDC), foi completamente privatizado en 1998 grazas aos esforzos do primeiro ministro socialdemócrata Poul Nyrup Rasmussen. Ao ano seguinte, unha coalición de partidos políticos asinou un acordo sobre as telecomunicacións que estableceu entre os seus obxectivos:
"It is important to ensure that regulation does not create a barrier for the possibility of new converged products... Regulation must be technologically neutral, and technology choices are to be handled by the market. The goal is to move away from sector-specific regulation toward competition-oriented regulation."
E os reguladores mantiveron este acordo. Por exemplo, tras a privatización de TDC, a axencia reguladora do mercado das telecomunicacións dinamarqués (NITA) estableceu regulacións especiais sobre TDC para que non abusase do seu anterior monopolio e evitase a entrada de nova competencia nas redes sen fíos. En 2006 a NITA comprobou que a industria sen fíos era suficientemente competitiva con catro provedores activos no mercado e suprimiu os controis sobre TDC. Se a regulación xa non é necesaria se suprime. A mesma política a aplicaron en 2011 pechando a propia axencia reguladora do mercado. A esas alturas o mercado volvérase tan competitivo que simplemente non había necesidade de ter un regulador de telecomunicacións especializado.  A NITA foi disolta e as súas funcións reguladoras limitadas foron transferidas á Administración Xeral de Empresas. Con isto tamén conseguían facer desaparecer a tentación da captura do regulador coa habituais corrupcións a que soe dar lugar.

Quen sabe se recuperando a inspiración dos 90 ou inspirandose no caso dinamarqués, recentemente foi noticia a decisión da FCC estadounidense de suprimir as regulacións sobre a chamada neutralidade da rede. O significado da neutralidade da rede non é claro, existe certo debate sobre en que consiste. 
As interacións entre ISP, CP e usuarios en internet. Fonte: ``Net Neutrality: A Fast Lane to Understanding the Trade-offs" Shane Greenstein, Martin Peitz, and Tommaso Valletti. Journal of Economic Perspectives, Volume 30, Number 2, Spring 2016, Pages 127-150.
A figura resume as diferentes interaccións entre os participantes en internet: proveedores de aceso a internet (ISP), proveedores de contidos (CP) e usuarios finais. Daquela podemos pensar que a neutralidade da rede significa unha restrición sobre os ISP para que proporcionen o mesmo servizo a todos os CP e cargando un prezo exclusivamente aos usuarios finais. Por exemplo, baixo a neutralidade da rede non está permitido que un ISP priorice os contidos dun determinado CP a cambio dun prezo. En 2014 Netflix (CP) e Comcast (ISP) fixeron público un acordo desta natureza polo cal Comcast proporcionaba un servizo de maior calidade a Netflix para que os seus contidos chegaran máis rápido aos usuarios finais a cambio de un pago por parte de Netflix. Un ISP ten que tratar a todos os CP de igual forma. A defensa habitual é que isto é bo para a difusión de internet. A cuestión ten ramificacións en asuntos sobre a proteción dos consumidores, privacidade, seguridade e incluso sobre a liberdade de expresión. O debate está servido e é moi intenso nos EE.UU e algo menos en Europa. A UE ven de abordar este asunto ao estilo dun regulador clásico e pretende impoñer duras regras sobre neutralidade da rede aos estados membros.

A forma de abordar a neutralidade da rede en Dinamarca foi completamente diferente. A aposta é pola autoregulación. Un grupo de representantes da industria e reguladores gobernamentais formaron un ente privado chamado Net Neutrality Forum. Este grupo desenvolveu un conxunto de principios de neutralidade de redes que son de cumprimento voluntario. O grupo reúnese ad hoc para resolver os conflitos que xorden cos seus principios. 

O modelo danés demostra que a vida sen regulador non só é posible, senon que é absolutamente desexabel. Tamén pon de manifesto a importancia que teñen os acordos políticos discutidos con transparencia e ben argumentados cara a cidadanía para realizar reformas que teñan éxito. Seguro que foi importante que a desregulación dinamarquesa foi estable, manténdose consistente ao longo do tempo sen estar suxeita aos cambios eleitorais. De feito, a maior ameaza para mercado das telecomunicacións en Dinamarca non chega de dentro das súas fronteiras senón desde Bruxelas. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario